Thursday 18 de April de 2024

O Concello de Brión convoca cursos de inglés de distintos niveis e cursiños orientados a grupos profesionais como hostalería e servizos


O Concello de Brión vén de presentar a súa oferta formativa para o próximo mes de marzo que, ademais das tradicionais sesións de informática, nesta ocasión inclúen como novidade uns cursos de inglés. Así, o Concello ofrece dúas opcións aos seus veciños e veciñas: unha oferta formativa estruturada en diversos niveis (básico, medio-alto e avanzado) ou uns cursiños intensivos orientados a grupos profesionais concretos.

Para comezar, o Concello de Brión oferta “Inglés para recepción de hoteis” e “Inglés para restaurante”, que terán lugar os luns e mércores de marzo a maio no Centro Social Polivalente de Pedrouzos. En ambos casos, a cota será de 25 euros ao mes por dúas horas de clase semanais. É preciso un mínimo 10 persoas por grupo para a súa realización, tendo sempre preferencia os/as veciños/as de Brión.

Paralelamente, o Concello de Brión organiza cursos de inglés segundo o nivel dos alumnos: básico, medio-alto e avanzado; que terán lugar de marzo a xuño no Centro Social Polivalente. Haberá clases en horario de mañá e de tarde. O prezo é o mesmo co dos cursiños: 25 euros ao mes. As probas de nivel terán lugar o 23 e 25 de febreiro, ás 19:00 horas, no Polivalente.